MEMORIAS TEATRAIS DE A. LAMAPEREIRA

(1) Polos camiños de Tespis

(Iniciamos con esta primera entrega una serie memorial  de nuestro compañero Antón Lamapereira, una  vida inseparable del teatro que cultivó  en todas sus facetas: autor, productor,  director y actor. Con el Seminario como punto de partido, su vocación por el arte escénico se mantiene vivo y fecundo en su día a día. Sigue así Antón los “Caminos de Tepis”, considerado el primer actor y dramaturgo de la antigua Grecia )

 

Por Antón Lamapereira

 

O 7 de xuño de 2024,  Avelaiña Teatro estreou no Auditorio Municipal de Ribadeo a súa sétima produción titulada As máscaras de Ibáñez. O Marqués de Sargadelos que nunca foi.

A peza, un monólogo, foi escrita a dúas mans por Xabier Fernández e máis eu, interpretada polo propio Xabier e dirixida por min.

(Programa / actuación). Sargadelos

Xa que foi, até agora, o meu último traballo escénico, vou aproveitar a ocasión para sentar no camiño, botar unha ollada cara atrás nestes case 50 anos de “facedor de teatro”- como precisaría o dramaturgo e poeta austríaco Thomas Bernhard-   e indagar sobre cal podería ser a orixe e os motivos do meu gusto polo teatro narrando   algunhas das etapas máis interesantes deste longo camiñar. Respondo así, polo demais, ao convite que  me fixo Ramón Barro preguntando sobre a miña afección pola arte escénica. Tal e como fixo tamén con Xulio Leal Carreira, compañeiro meu na “troupe” de Avelaiña.

Ordenación sacerdotal de Orlando Sánchez. 1963

 

( Diálogo posible entre dous ex seminaristas, Euloxio e Ramón, nun rencontro despois de cincuenta anos… )

 

1.- Eulogio: Eu as veces, me pregunto si non foi no seminario onde collín o gusto polo teatro?

2.- Ramón: Seminario? Teatro? Non lle atopo relación ningunha…

1.- E: Sí…sí…Coido que de algunha maneira nos preparaban desde os  primeiros cursos para ser actores…

Non lembras que, por exemplo, tiñamos que estudar e prepararnos para dicir un sermón no refectorio diante dos nosos compañeiros.

  1. R- Oes, agora que o dis…recordo que neses días eu pasábao fatal pois non gustaba de falar en público, suábanme as mans e quedaba sen voz.

Matinando no asunto de súpeto acordei as primeiras frases dun sermón: En el año 42 son tantos los díscípulos que no caben en un cenáculo..

Imposible recordar máis. Xogadas sorprendentes da nosa memoria!

1.E- Ademais, non esquezas que historicamente as orixes do teatro están nas cerimonias relixiosas da antigüidade.

2.-R Certo. Neses ritos xa aparecen elementos que poderiamos denominar pre-teatrais: o vestiario dos celebrantes a división entre actores e espectadores…

1.- E tamén os medios de expresión, a música, a xestualidade codificada, o canto, a palabra…

2.- R mesmo tiñamos ensaios, dirixidos por un mestre de cerimonias, cando iamos de acólitos nunha misa solemne ou nunha ordenación sacerdotal…

 

Deixo que estes dous compañeiros continúen coa súa interesante  conversa entrementres lembro algunha das representacións nas que eu participei no seminario.

Portada libro de El cuatrigemino
Portada libro de El cuatrigemino

 

En 1961 representouse El Cuatrigemino, juguete cómico en tres actos de Pedro Muñoz Seca y Pedro Pérez Fernández editado pola Galería Teatral Salesiana. El elenco, formado por alumnos de Filosofía, estaba formado por Nécega Insa (Cosme), Fernández Álvarez (Serapio), Carballo Ferreiro (Casquito), Pena Fernández (Paco Leme),Castro Río (Perfecto), Fernández Sabín (Filomeno) Suárez Prado (Maroto), Díaz Salvatierra (Ramón), Vale Insua (Teles), Saá Echevarría (Príncipe), Gómez García (Ladislao),  López y López (Emilio) Lamapereira López (Torres).

O Director da obra foi  don Eulogio Carballido e como Apuntador estivo Martínez Sánchez.

 

 

Hai outras dúas pezas nas que participei mais sobre as que non teño datos concretos. Segundo me ten comentado  Xulio Leal, unha delas foi Escuadra hacia la muerte, de Alfonso Sastre,  da que gardo esta fotografía realizada fora de escena e simulando unha loita con Cabado Pampín. De onde sairía o vestiario e os puñais?

Pampin e Lamapereira xogando a militares

 

—- e esta outra na que poso con outros compañeiros nunha actuación en Bretoña coa presencia de Dino Pacio e o párroco Gil Agras. Non lembro o título da obra mais sí acordo o nome de algúns dos compañeiros do meu curso: ( de esquerda a dereita):  Mouriño Penabad, Gómez García, Nécega Insua, Piñon Saavedra, Martínez Aneiros e doutros cursos Carrodeguas Nieto, Paz González, Castro Rio? Lombardero García, Pérez Fernández e  Montero Santalla.

actuación en Bretoña
actuación en Bretoña

 

(Agradecería que se alguén le este artigo poida completar os datos no espazo dedicado a comentario.)

tÉ pois posible  que a miña permanencia no seminario de Mondoñedo e logo no Colexio San Carlos de Salamanca deixaxen en mi algunha semente que logo frutificou na miña afección polo teatro mais hai un feito que sen dúbida marcou a miña vida nese sentido. Durante o curso 1975-76 regresei a Galicia despois de estar como profesor  interino en La Solana, Ciudad Real.  O meu novo traballo foi como educador na Universidade Laboral de A Coruña,  como se chamaban nesa época a estes centros educativos nos que se impartía bacharelato e formación profesional. Para o alumnado  interno había unha gran oferta de actividades: pintura e modelado, fotografía, cerámica, grupo de gaitas….e arte dramático. E non acordo agora  se foi dun xeito voluntario ou por designación do director o caso é que asumín a responsabilidade da actividade de teatro. E na primeira oportunidade que houbo procurei aprender matriculándome  nun curso de interpretación  que convocaba Teatro Circo de A Coruña. E aquí si que descubrín  a importancia vital e educativa da Arte Dramática por medio de mestres como Manuel Lourenzo, Xan Guisán ou moi especialmente Pepe Estruch, actor e animador teatral exiliado chileno.

 

Subliño a importancia vital e educativa porque precisamente para mín o teatro axudoume, e aínda axuda, na miña propia existencia ao tempo que  instrumento educativo co meu alumnado. De ámbolos dous aspectos irei escribindo neste artigo por entregas.

Remato agora decindo  que a primeira montaxe que dirixín na U. Laboral foi Unha vez foi o trebón de Manuel María, en lingua galega, claro. Con esta peza estivemos programados nunha das primeiras Mostras de Teatro Galego de Ribadavia. E dende entón, en todos os institutos nos que traballei organicei un grupo de teatro.

 

E tamén, despois dese primer curso organizado  polo Teatro Circo, entrei a formar parte deste mesmo grupo   co que participei na montaxe de Os vellos non deben de enamorarse de Castelao con dirección e dramaturxia de Manuel Lourenzo. Foi a miña primeira experiencia como actor afeccionado. A troupe, formada por mulleres e homes con diferentes traballos en Caixas de Aforro, Centros de Ensino públicos e privados ou en Sanidade de  A Coruña, foi unha auténtica “compañía” de aprendizaxe, convivencia e disfrute. Con esta peza visitamos cidades e vilas de toda Galicia e incluso chegamos a representar no Festival Internacional de Teatro de Sitges.

Portada programa Os vellos.
Interior programa de Os vellos

 

“Facer bolos”: cargar unha furgoneta alugada con a escenografía, os focos e o atrezzo, viaxar por toda a xeografía galega, montar, actuar, desmontar, a viaxe de volta e rematar descargando de novo foron vivencias que gardo na miña memoria para sempre.

Unha experiencia que sigo vivindo aínda hoxe con outros grupos de teatro cando imos de bolos  pero xa se sabe que “ os amoriños primeiros son moi malos de olvidare…”

Eran os anos setenta, morrera xa ao ditador,  as esperanzas nun futuro mellor eran moitas e compartiamolas, despois das actuacións e mentres tomabamos o bocadillo, con aquelas xentes animadoras das vizosas asociacións culturais que nos chamaran  para actuar en lingua galega…

Continuará, se tedes paciencia e interese….

Antón Lamapereira. Tirán. Agosto de 2024.

 

 

 

5 comentarios

  1. Felicítoche por esa longa traxectoria dramatúrxica con gran destreza escénica, cuxas “tablas” comezaron á sombra do Seminario, co inmenso ánimo dos nosos superiores, entre eles José María Fernández e Digno Pacio, animadores como Carballido e Blanco Pico e entusiastas espectadores como Don Gumersindo… Ánimo, non deixes de alimentar as nosas alegrías a través dos teus artigos. Lembranzas que enriquecen! Gran aperta!!

    • Grazas, Pacurri, polos teus folgos.
      Mágoa que non lembre a Don Gumersindo como espectador… Se podes comentar algo máis agradezocho.
      Sigo con interese as afeccións de outros compañeiros: Benigno Sarmiento, Xulio Leal…
      Pola miña banda, si tentarei de seguir contando o que o teatro supuxo, e aínda supón na miña vida.
      E desde aquí, animo a todos os compañeiros da Mariña Lucense, de Ferrol Terra, de A Terra Cha… para que boten unha man para que o Carro de Tespis, aqui e agora Avelaiña Teatro con catro espectáculos no seu repertorio, faga máis «bolos» por esas xeografías.
      Sería polo demais, unha boa ocasión para atoparnos: no Teatro!
      Apertas e Saúde!
      Antón.

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*